«Coa nosa tecnoloxía os condutores podemos aforrar centos de euros en carburante» – Pablo Castro, co-propietario de Autoxuga

xoves, 23 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Na nosa terra hai empresas que demostran como a revolución tecnolóxica puxo de volta e media o mercado e achegou cousas que hai uns anos era difíciles de imaxinar. Por exemplo: a posibilidade real de competir dende Galicia con calquera empresa tecnolóxica do mundo. Ou, tamén, a posibilidade de crear comunidades mundiais de usuarios arredor do que ofrecemos. Un exemplo disto é Autoxuga Móbil, empresa de Taragoña (Rianxo) centrada no subministro de servizos innovadores e tecnoloxías para o ámbito do motor e do mantemento do automóbil.
Autoxuga cumpre co que dixemos (compite con grandes desenvolvedoras de apps, ten unha comunidade internacional de usuarios que axudan a seguir facendo comunidade e a mellorar as ferramentas existentes) e, ademais, está centrada na creación de aplicacións móbiles que fan doado o que sempre imaxinamos complicado: poñer o noso coche a punto para que ande mellor, viva máis, consuma menos e contamine o mínimo. Para que nos conte máis detalles da actividade da empresa, falamos con Pablo Castro, co-propietario de Autoxuga (conxuntamente con catro socios máis) e apoderado da empresa.
-Aos medios de comunicación e aos lectores en xeral gústalles saber que a información relevante vén moitas veces de lugares pequenos non de esa información non se espera. Vós estades en Taragoña (Rianxo) e facedes innovación sustentábel e avanzada para móbiles. É complicado estar no mundo das industrias revolucionarias dende un recanto do Barbanza? Sentides que tendes algún tipo de impedimento?
-Non, en absoluto. Cos sistemas informáticos actuais pódese substituír a oficina ou a fábrica tradicional polos coñecementos envorcados nalgún sistema informático, e pódese competir con tecnoloxía en calquera parte do do mundo e con calquera empresa por moi importante que esta sexa.
-Unha das grades contribucións recentes de Autoxuga Móbil é unha aplicación móbil que garante a condución eficiente e que nos axuda a reducir nos vehículos o consumo de combustíbel e, polo tanto, a contaminación do aire, un problema que se agrava con cada ano que pasa e que pode ter (e ten) consecuencias catastróficas para o planeta. Para que os lectores o entendan, como funciona exactamente a vosa aplicación?
-A nosa aplicación para teléfonos móbiles (unha app) funciona exactamente igual que os equipos de diagnoses dos talleres, pero coa diferenza de que un destes equipos profesionais custa entre 2.000 e 4.000 euros, e nós tamén os fabricamos e somos o único fabricante español de equipos de diagnoses. As nosas ferramentas para móbiles pódeas mercar calquera persoa en calquera país do mundo. Os seus prezos, dependendo das funcionalidades e do seu alcance, parten dos 9 euros para logo ir subindo ata os 20 (se desexamos que a app nos diga como se pode realizar a reparación). Ademais, son compatibles para seis marcas de coches.
A cuestión é que se os condutores borraran cada mes as avarías esporádicas das bases de datos que afectan aos coches debido aos defectos de condución, poderían aforrar ao ano uns 600 euros en carburante, contaminar moito menos e, á vez, alongar a vida útil do coche. A nosa web calcula o gasto innecesario de combustible que se produce en España e que representa unha enorme cantidade de diñeiro ao ano. Podemos velo en http://www.autoxuga.net/calculostecnicos/calcularaceites.php.
-A vosa aplicación é operativa só para un determinado tipo de coches ou pódese aplicar a todas as marcas e modelos?
-As nosas aplicacións son para media ducia de coches, de maneira que por nove euros para as máis sinxelas ou por 20 euros para as que solucionan avarías, pódense realizar todas as funcións que fan os equipos de diagnoses profesionais de maneira sinxela e eficaz.
-Poderíase dicir que a app pon o punto de intelixencia que lle falta aos coches modernos?
-Nós imos aínda máis lonxe. As nosas apps, ademais de indicar os fallos dos coches, tamén nos devolven as incidencias que teñen eses automóbiles en calquera recanto do mundo, e ademais infórmannos de onde se realizan esas comprobacións. Isto pódese ver na nosa páxina, www.autoxuga.com, na sección de avarías recibidas. Por outra banda, se queremos ver o lugar con data e hora do chequeo, tamén podemos velo, e mostrámolo noutros enlaces.
-Vós sinalades que co emprego da vosa aplicación pódese reducir o consumo de carburantes nun 20%, é certo isto?
-É verídico. Un coche en óptimas condicións consume o establecido polas marcas e a maneira de guialo na estrada, pero se o automóbil ten algunha avaría oculta ou esporádica, o coche non está nas mellores condicións e, polo tanto, consume moito máis combustible. Os vehículos modernos vense moi afectados por fallos ocasionais segundo a forma de conducilos. Se estes fallos se borrasen cada mes do sistema, o automóbil funcionaría mellor, consumiría menos e non contaminaría tanto.
-Tamén comentades que se pode aumentar a vida útil dos coches nun 200%...
-Se un coche funciona en óptimas condicións, o proceso termodinámico que se leva a cabo no motor é o normal co consumo de carburante axeitado á súas características de deseño. Pero se entra menos aire ao motor, se o aceite está moi contaminado e varía a súa viscosidade, e se a microporosidade do filtro do aire ou do aceite non é axeitada segundo o prescrito no deseño pola normativa ASTM, o coche non vai funcionar nas mellores condicións. E se por enriba a electrónica do motor memorizou algunha ou varias avarías esporádicas, os consumos dispáranse e a duración dos motores acúrtase de maneira drástica. Para evitar todo isto é polo que recomendamos que cada mes se borren estes fallos ocasionais e que os que non se poidan eliminar sexan vistos no taller.
-Recentemente presentastes a ferramenta móbil no Centro Demostrador TIC de Santiago. Agora cónstanos que estades a preparar a presentación de máis solucións innovadoras para ámbito do motor, incluída unha para facilitar a taxación de automóbiles. Que nos podedes adiantar desta novidade?
-Que é a única no mercado e que para o caso español, no que se venden uns 2,3 millóns de coches de segunda man ao ano, non se comprende como se valoran ou se taxan estes vehículos e non se fixa un prezo exacto de venta ou de compra. A conclusión é que se está a facer a ollo, como de costume, cando isto supón un movemento de capitais de máis de 22 mil millóns de euros. O 14 de maio, no CDTIC de Compostela, foi cando presentamos esta nova aplicación, destinada a facilitar a valoración do prezo xusto de cada coche en función da súa antigüidade, o seu uso, a imaxe de marca, a electrónica instalada, o grao de deterioro dos elementos electrónicos, etc. Coa nosa ferramenta tamén se verificarán 295 puntos do vehículo de maneira subxectiva, o que nos dará os resultados exactos do custe do automóbil en función do estado do mesmo. O informe que se fai con esta análise exhaustiva recóllese en cinco folios co nome do Informe Técnico Automoción Certificado de Calidade Autoxuga: (ITACCA).
-Como está a ser a traxectoria comercial das vosas aplicacións? Quen está apostando por ela e dende que sitios?
-Estámolas vendendo a todo o mundo e isto pódese ver no sitio da nosa web, www.autoxoga.com no que se reflicten as avarías da comunidade de usuarios nunha manchea de países.

PUBLICIDADE