Colle corpo o Congreso de Software Libre de Igaciencia

mércores, 22 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Xa está á volta do camiño, co programa ateigado de interesantes charlas e obradoiros, a quinta edición do Congreso de Software Libre e Foro Libre para a Educación, un evento de Igaciencia que bota luz sobre as moitas posibilidades que se abren coa interacción entre o ensino e a informática aberta e que este ano terá dous piares fundamentais: a arela de compartir a máxima cantidade de experiencias e a de amosar, para estender o seu espírito, o miolo das máis salientábeis aventuras educativo-tecnolóxicas da nosa terra. Celebrarase os días 30 de xuño e 1 de xullo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago. Organiza a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) e colaboran a axencia AMTEGA e o propio CNTG.
Nun plano máis concreto e meténdonos de cheo no programa do evento, este contará coa presenza de Margarita Saborido, campioa mundial do concurso Mobile3D da USC, que fará un percorrido polos seus traballos abeiro deste certame (reconstruíndo unha figura en 3D a partir de diversas fotografías); ou de Beatriz Padín, que falará sobre como facer un estudo experimental de magnitudes físicas mediante análise de vídeo con Tracker (cousa que lle valeu un recoñecemento europeo).
Tamén intervirán Paz Freire, a gañadora do certame Inventa en Galego do ano pasado, e máis unha equipa integrada por Diego Nieto Caride, María José Malmierca (investigadora do CESGA) e Juan Gordillo (do CPI Multilingüe O Cruce de Cerceda), que explicarán os múltiples detalles da plicación e creación de materiais de Realidade Aumentada para Ciencias, un dos proxectos europeos que desenvolven no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Igualmente, o congreso contará coa presenza de Mario Riotorto (programador de Maxima), que fará un percorrido pola súa experiencia coa linguaxe Javascript como linguaxe de programación (neste caso para mundos 3D) ou coa de Xacobo de Toro Cacharrón, que debullará os traballos de vídeo que realiza e cos que rematou a súa tese o ano pasado. Horacio Gómez, pola súa banda, falará da estreita relación da creación da música electrónica e o Arduino ou o Raspberry.
Segundo nos contan dende a organización, outro dos paires do Congreso será o concepto de Internet das Cousas, que é como se define a revolución tecnolóxica dos obxectos conectados (máquinas interactuando entre elas e con nós) ao servizo de eidos como os coidados médicos, as actividades deportivas, a xestión das vilas e cidades, o fogar dixital ou a rendibilidade empresarial.
Segundo nos avanzan dende Igaciencia, a realidade dos obxectivos conectados (polas súas siglas en inglés IoT) está aí para quen queira vela e mergullarse nela, xa que “non vén das grandes corporacións nin das grandes cidades, senón dos usuarios e desenvolvedores de a pé”, os seareiros e, tamén, os integrantes dunha comunidade que non para de medrar: a comunidade Raspberry Pi. Trátase dunha tecnoloxía de baixo custe, lixeira e accesíbel para todas e todos os membros do ámbito escolar. Segundo lembran dende Igaciencia, o Raspberry Pi é “o amo do Internet das cousas”. Insistir nesta mensaxe e botar aínda máis luz sobre as posibilidades na educación (cousa que xa se avanzou firmemente en anteriores edicións) será un dos leit motiv básicos desta convocatoria 2016 do Congreso de Software Libre.

PUBLICIDADE