Colle impulso dende a Tecnópole unha plataforma B2B que conecta a todos os implicados na construción dunha vivenda
martes, 11 de xaneiro do 2022
No
seo da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de coller
impulso
unha solución dixital chamada a mellorar o crecemento, a
transformación e as relacións comerciais entre profesionais do
deseño, a construción de espazos (interiorismo, reformas,
rehabilitacións, homestagers) e a arquitectura. Estamos a
falar de Laminfy Pro,
plataforma online B2B (de profesional a profesional)
habilitada pola startup galega do meso nome, cuxo obxectivo é
marcar un antes e un despois na forma de construír relacións
comerciais entre empresas dos ditos sectores, así como “aumentar a
visibilidade para que miles de potenciais usuarios particulares
poidan acceder a estes profesionais destacados e inicien novos
proxectos”.
Segundo
sinalan dende a startup con centro de operacións no CEI da
Tecnópole, “calquera empresa de construción poderá atopar en
Laminfy Pro desde un arquitecto de paisaxes, un homestager ou
expertos en domótica para que xuntos poidan crear proxectos. Os
principais beneficios desta proposta radican especialmente na
visibilidade en liña (utilizando SEO e SEM personalizado) e o
networking entre profesionais”.
Para
impulsar esta metodoloxía de traballo establécese que cada cliente
leve asociado o seu propio “account manager
de confianza” con vistas a trazar de maneira conxunta o rumbo a
longo prazo do crecemento dixital do negocio, en función do plan de
subscrición elixido.
Outro
punto no que destaca a plataforma é no feito de que non exista custe
algún por intermediar entre os proxectos dos expertos. Dende Laminfy
apuntan a que a finalidade é “xerar relacións de calidade
duradeiras cos profesionais, sen ataduras a ningún cliente ou
usuario”.
Tamén
engaden que entre os seus retos para este ano que comeza atópase o
de acadar presenza en liña en todas as cidades máis importantes de
España, onde máis se demandan este tipo de servizos. Segundo
reflicte a Tecnópole, a finais de 2021, antes do lanzamento da
plataforma, xa contaban con máis de 60 empresas verificadas e
rexistradas ao longo de toda a península. Outro dos seus propósitos
é “contribuír a que cada profesional ou empresa ofreza a nivel
dixital unha imaxe impecábel, que lle permita xerar novos clientes e
contratos, e construír unha presenza de marca en liña a longo prazo
que garanta o éxito conxunto”. A maiores, figura na súa folla de
ruta facerse con tendas, establecementos e empresas provedoras que
fornezan a centos de profesionais e que obterán descontos exclusivos
por ser “membros Pro”.