Comeza a súa andaina, da man de Roger Casas-Alatriste, a nova edición do laboratorio coruñés #LAIC

mércores, 18 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A nova convocatoria do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación de Coruña Dixital (#LAIC) abriu este martes 17 as súas portas no centro Ágora coa charla de Roger Casas-Alatriste, fundador da produtora de contidos dixitais El Cañonazo, sobre as posibilidades e tendencias das narrativas transmedia no sector audiovisual. Roger Casas-Alatriste, referente no ámbito das novas narrativas (as que rompen formatos, continentes, contidos e mesmo fronteiras) recuncará hoxe no LAIC, entre as 10.00 e as 12.30 horas, cunha nova charla sobre como encaixar as pezas dun proxecto transmedia (sesión práctica, tamén no Ágora).
Polo laboratorio pasarán diversos expertos en novas linguaxes que se expanden e que ofrecen unha manchea de posibilidades creativas, accesíbeis e abertas. Por exemplo Andrea L. Lozano, que nos mostrará como explorar as potencialidades do transmedia para os nosos proxectos artísticos, culturais, educativos ou sociais; ou Rubén Lázaro, que achegará un obradoiro de vídeo en 360º e Realidade Virtual para quen queira internarse en novas propostas audiovisuais.
Outra das propostas prácticas vén da man de José Luis de Vicente, que tamén desenvolve unha sesión práctica sobre as claves do comisariado dunha experiencia cultural inmersiva. Asemade, Belén Santa-Olalla introducirá aos participantes no laboratorio nas tecnoloxías de realidade envolvente para o teatro.
Obxectivos
Para quen no o saiba, o #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, é un ciclo de encontros divulgativos e participativos de Coruña Dixital (Concello da Coruña) para persoas interesadas na cultura audiovisual, os novos medios e a transformación dixital. Nesta convocatoria que comezou onte volverán participar, coma nas anteriores entregas, cineastas, produtoras, estudantes, docentes, profesionais da comunicación e do deseño, activistas, artistas, tecnólogas e especialistas en ferramentas dixitais.
O obxectivo último é converter A Coruña “nun polo estratéxico de innovación, creatividade e boas prácticas que xeren modelos de traballo audiovisual sustentábel”, en palabras do Coruña Dixital.
A nova edición xira arredor da creación dixital transmedia, é dicir, de historias que se expanden en múltiples dispositivos e formatos, cunha participación activa dos públicos.
O novo LAIC desenvólvese oficialmente até marzo de 2020.
O comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, detallou recentemente que o #LAIC deste ano “estará moito máis vinculado á creación dixital transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes referencias na cidade neste ámbito”.
Dende as redes de Coruña Dixital anunciaranse de maneira gradual cada unha das citas e abrirase a inscrición nas charlas e talleres do #LAIC que, como todas as actividades do programa, serán de balde.
Na páxina web do laboratorio (http://corunadixital.gal/iniciativa/laic/) temos todo tipo de datos informativos sobre os obxectivos e natureza do programa, ao que se engade un vídeo recentemente pendurado no que se informa dos logros de 2019.

PUBLICIDADE