Comezan as mesas de traballo da Deputación da Coruña para dar forma á súa folla de ruta TIC

martes, 30 de xuño do 2020 S. P.

Os Concellos de Ribeira, Dodro, As Pontes e Curtis compartiron coa Deputación da Coruña os seus principais desafíos en materia tecnolóxica e de Administración Electrónica (eAdministración), ao tempo que lle achegaron á entidade provincial a súa visión de como debera ser o seu papel no impulso das novas ferramentas. Estes retos foron compartidos na primeira das mesas de traballo que organiza a Deputación para definir a estratexia dixital da provincia. Serán seis encontros online, destinados a detectar as necesidades de concellos, das empresas e da cidadanía.
Como dixemos, na sesión de apertura participaron representantes das administracións locais de Ribeira, As Pontes, Curtis e Dodro, debatendo sobre diferentes temas relacionados coa definición da estratexia. Na reunión falouse dos principais problemas tecnolóxicos que afectan aos concellos e a cidadanía, a valoración das actuacións e programas desenvolvidos pola Deputación até a data actual ou cal debería ser o papel que xogue a Deputación neste ámbito nos próximos anos.
Amais, empezaron a definirse as prioridades e identificáronse iniciativas concretas para incluír na folla de ruta do futuro dixital da Deputación.
Con esta iniciativa, a institución que preside Valentín González pretende “coñecer en detalle as necesidades dos organismos da provincia e a xente que se relaciona con eles, reforzando e facilitando a relación entre ambas e facendo que a provincia da Coruña poida ser un referente no eido tecnolóxico das institucións públicas”.
A Deputación da Coruña atópase nun proceso de deseño e definición do seu futuro dixital da provincia, que busca promover e mellorar as tecnoloxías dentro da propia entidade provincial e facilitar o acceso ás Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) de todas as persoas, empresas e administracións locais da provincia, así como promover a dixitalización do sector mediante a creación de novos servizos e ferramentas baseados na tecnoloxía.
En datas vindeiras habilitarase unha web a través da cal a sociedade pode facer as súas achegas, suxestións ou queixas no ámbito dixital da provincia.

PUBLICIDADE