Comezan as visitas ás empresas TIC da terceira edición de Tecnólog@ por un día

luns, 25 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O programa Tecnólog@ por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 a oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia, comezou as visitas da súa nova edición, a terceira. É unha das iniciativas do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola axencia AMTEGA.
Segundo informa a axencia autonómica, nesta nova convocatoria ofrécense 74 prazas, “unha cifra récord desde o seu lanzamento”, grazas a colaboración de 12 entidades que, xunto coa axencia autonómica, repetirán a experiencia: Altia, Coremain, DXC Technology, Everis, Iecisa, Orange, Sivsa, Corporación Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos espacios, Sixtema e Tecalis.
En total, sumando as tres edicións, 175 estudantes tiveron a oportunidade de ser tecnólogas e tecnológos por un día. AMTEGA engade que esta convocatoria foi a convocatoria da consolidación definitiva do programa, que foi incrementando o número de solicitudes cada ano até chegar a máis de 380: “En total, máis de 700 alumnos e alumnas galegas interesáronse no programa”, explica axencia, engadindo que “xa se está a traballar para poder ofrecer novas prazas nunha cuarta edición antes de finais deste curso 2019/20”.
Nesta nova quenda prestarase especial atención a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (polas súas siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), reservando un terzo das prazas para as nenas, que supuxeron finalmente un 45% das prazas asignadas.
Ao longo desta nova experiencia (estes meses de novembro e decembro), as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes co fin de mostrarlles “as dinámicas das profesións TIC, aclarar as súas dúbidas vocacionais e ofrecéndolles a oportunidade de participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc”, engade AMTEGA.
Nesta terceira convocatoria as e os participantes acudirán a 19 centros de traballo distintos distribuídos nas 4 provincias galegas correspondentes á propia AMTEGA e ás 12 empresas que colaboran no programa.

PUBLICIDADE