Comezan na Tecnópole as xornadas formativas en Investigación e Desenvolvemento

luns, 3 de setembro do 2007 Matías Olazabal

A partir desta semana terán lugar en San Cibrao das Viñas (Ourense) as xornadas formativas para os técnicos e xerentes das empresas da Tecnópole que organizan e financian a Consellería de Innovación e máis o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), sendo o seu obxectivo o de “configurar un conxunto de espazos de dinamización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica nos polígonos industriais de Galiza”.
Os participantes nas mesmas recibirán información sobre diversos aspectos do facer empresarial, como por exemplo a posta en marcha dun proxecto coas súas respectivas formalidades estruturais e legais, ou sobre os beneficios fiscais dos que poderían resultar favorecidos no marco das posibles deducións aplicables ás empresas españolas do eido das I+D+i, por poñer algúns exemplos.
Estas xornadas informativas celebraranse no escenario da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) entre os días 5 e 6 de setembro, e vanse desenvolver en quendas de mañá e de tarde. Até o de agora sumáronse a estas actividades diversos polígonos da nosa terra, malia que, segundo os organizadores, a incorporación de outros recintos industrias galegos atópase aberta.

PUBLICIDADE