Comezan no Consistorio de Ribeira os traballos para renovar as infraestruturas de telecomunicacións

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Ribeira informou do inicio dos traballos para renovar e actualizar as infraestruturas de telecomunicacións na Casa do Concello. O obxectivo é “dar resposta a un uso cada vez máis intensivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) polos servizos municipais e por parte da sociedade en xeral”.
Esta intervención enmárcase na Liña 12 da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, que está co-financiada nun 80% polos fondos FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de Europa (POPE) 2014-2020.
A empresa encargada de realizar os traballos é SVI 40 Contratas, Servicios e Ingeniería, S.L.U., conforme a un prezo de adxudicación de 86.509,11 euros, IVE incluído.
O prego recolle a execución das seguintes accións:
• Adecuación do Centro de Procesamento de Datos (CPD) ou Data Center existente: situado na Casa do Concello. Neste punto concéntranse todas as comunicacións e o obxectivo principal dos traballos no CPD é “mellorar a robustez, a fiabilidade e a seguridade do mesmo, para conseguir a mellora da calidade dos servizos ofrecidos, a súa xestión, operacións e evolución”.
• Reestruturación e renovación do cableado da Casa do Concello, por medio dunha solución de cableado estruturado que partirá do CPD e que permitirá “mellorar o largo de banda e a escalabilidade da rede, así como garantir flexibilidade e facilitar a xestión e o mantemento”, explican fontes do Goberno local.
• Subministro, instalación e cableado de cargadores USB e cargadores sen fíos para dispositivos móbiles nas columnas exteriores da Casa do Concello, como parte da renovación do cableado.
O Goberno de Ribeira engadiu que o tipo de contrato é da denominados “chave en man” que asegure a correcta instalación e posta en marcha de todo o equipamento fornecido, de tal maneira que a empresa adxudicataria realizará todas as tarefas necesarias para o correcto funcionamento do novo CPD e de todo o cableado estruturado do Consistorio.
O prazo de execución é de catro meses e 20 días contados dende que se formalizou o contrato.

PUBLICIDADE