Como tirar o máximo proveito de WordPress, ao detalle nun obradoiro no Campus de Pontevedra

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra puxo en marcha a terceira edición dun obradoiro centrado no xestor de contidos aberto WordPress, que está na base, xa, dun terzo das páxinas web existentes no mundo. O obxectivo é mostrar aos e ás asistentes como crear e xestionar os seus propios espazos, á vez que achegarlles unha serie de claves para darlles visibilidade nos buscadores.
Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, a terceira edición do obradoiro Creación, xestión e posicionamento de páxinas web con WordPress desenvólvese de xeito presencial, na aula tecnolóxica da Vicerreitoría do campus, coas súas dez prazas cubertas por estudantes de diferentes perfís.
Nas sesións semanais que se desenvolven desde o pasado mes, as e os asistentes fórmanse, partindo desde cero, no manexo da versión liberada deste xestor de contidos e nas funcionalidades que achegan os plugins xerados pola súa comunidade. Amais, adquiren nocións sobre deseño web, mercadotecnia dixital e posicionamento en buscadores, da man, subliña, “dun dos maiores expertos que hai en SEO e dinamizador da comunidade local de WordPress”, o consultor Wajari Velásquez, responsable de impartir este taller xunto con Rolán.
Co propósito de iniciarse neste xestor de contidos dun xeito práctico, as e os participantes de desenvolven ao longo do obradoiro un proxecto común, crear a web dun negocio local de asesoría de imaxe. O taller pon tamén o foco no SEO, a optimización da posición nos servizos de procura de información, afondando en aspectos como estratexias de mercadotecnia en buscadores, os algoritmos de ordenación de resultados de Google, o uso de plugins que “teñen unha influencia no SEO e na experiencia do usuario” ou a analítica dixital, que permite que as decisións sobre un proxecto web estean baseadas nos datos de visitas.

PUBLICIDADE