Complétase a OPA de MásMóvil sobre Euskaltel, grupo propietario de R

xoves, 5 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Tras unha sucesión de aprobacións por parte dos organismos competentes, o Grupo MásMóvil pechou con éxito a compra do Grupo Euskaltel, ao que pertence o operador de cable R, buscando así acelerar o seu crecemento, desenvolver de xeito máis rápido os seus servizos de fibra e móbil e consolidar a súa posición no sector das telecomunicacións.
A OPA sobre Euskaltel, anunciada o pasado 28 de marzo, conseguiu a aceptación por parte do 96,5% do capital social, o que permitirá a exclusión rápida de Bolsa, que terá lugar nos vindeiros días, e a adquisición do 100% das accións de Euskaltel nun prazo reducido de tempo.
As compañías considéranse complementarias a nivel de infraestruturas e na súa actividade comercial, pasando a congregar a 14 millóns de servizos de móbil e banda larga contratados, máis de 26 millóns de fogares comercializables con fibra óptica e con servizos 4G en toda España e 5G en preto de 500 municipios españois (combinando rede propia e acordos con outros operadores). Estiman uns ingresos anuais de 2.700 millóns de euros e un cadro de persoal superior ás 1.900 persoas.
O Grupo MásMóvil comprométese a manter o emprego que R, Telecable e Euskaltel tiñan en Galicia, Asturias e Euskadi, territorios nos que manterá as sedes actuais, considerando como fortaleza as raizames destas marcas cos seus respectivos territorios.
Aseguran que os actuais clientes do Grupo Euskaltel beneficiaranse da actual estratexia de MásMóvil, na que dan prioridade ao despregamento da rede de fibra óptica até o fogar e á 5G.

PUBLICIDADE