Compostela a golpe de rato, grazas a unha nova ferramenta virtual

venres, 18 de marzo do 2011 Raquel Noya

A entidade galega Factoría Eurodigital, dedicada ao deseño e desenvolvemento de produtos audiovisuais online e creadora dos exitosos portais www.descubregalicia.com e www.virtualplanet360.com, vén de dixitalizar a cidade de Santiago de Compostela para levar cada un dos seus encantadores recunchos ata as pantallas dos nosos dispositivos electrónicos, para que poidamos disfrutar deles sen movernos das nosas casas.
A nova cidade interactiva está a disposición da comunidade internauta a través da web Descubregalicia.com, onde o visitante xa tiña acceso virtual ás instalacións da estación de ski, Cabeza de Manzaneda, entre outras.
Da mesma maneira, o visitante poderá agora adentrarse nas rúas e corredoiras de Santiago de Compostela, e incluso visitar os seus establecementos hosteleiros (polo momento son setenta), grazas a un acordo asinado para este fin coa Asociación de Hostelería de Santiago.
A lista de establecementos adheridos inclúen restaurantes, hoteis, cafeterías, pubs, discotecas, salas de exposicións e centros de negocio, que se poden explorar por dentro en formato panorámico 360º.
Esta ferramenta foi posible grazas ao traballo de filmación que se levou a cabo durante anos, onde non quedou sen fotografar ningún recuncho da capital galega.
Ademais de Santiago, a través desta web, é posible coñecer con detalle as principais cidades de Galicia, así como un bo número de localidades, pobos e vilas da nosa Comunidade.

PUBLICIDADE