Concord pechará servidores só 2 semanas despois do seu lanzamento

martes, 3 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O pasado 23 de agosto chegou a PC e PlayStation 5 o xogo Concord, un hero shooter de Firewalk Studios publicado pola propia PlayStation, que tivo a peor acollida que se lembra nun xogo deste xénero até o punto de que están a anunciar que devolverán os cartos a todos os compradores e pecharán os servidores o vindeiro día 6.
Falamos dun xogo en liña cunha vida de 2 semanas, non existindo precedente semellante por parte dunha grande compañía. Aínda que o xogo aínda mantén a súa ficha nas tendas para PC de Epic Games e Steam (e probablemente seguirá mentres se procesen todas as devolucións), está desaparecido da páxina web de PlayStation, deixando claro que o editor non quere deixar rastro deste grande fracaso.
Nos últimos anos puidemos ver lanzamentos bastante problemáticos, que en moitas ocasións foron seguidos por grandes esforzos para corrixir produtos lanzados con demasiados erros (como aconteceu con Cyberpunk 2077), pero desta volta semella que Sony considerou a situación como irrecuperable, e prefiren atallar rapidamente o problema para evitar acumular perdas.
Queda agora por ver como afectará a situación a Firewalk Studios, pois non podemos esquecer que actualmente están a producirse despedimentos en Rocksteady Studios tras a mala recepción de Suicide Squad: Kill the Justice League (xogo que pouco despois do seu lanzamento tivo que ofrecerse sen custo adicional aos subscritores de Amazon Prime, buscando desesperadamente incrementar o seu número de xogadores activos).