Conde di que a nova estratexia RIS3 traerá a dixitalización definitiva das pemes e os sectores tradicionais

venres, 14 de xaneiro do 2022 S. P.

Este venres 14 de xaneiro celebrouse o II Foro RIS3, centrado no proceso de elaboración da nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, que estará vixente ata 2027. Na cita participou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía Francisco Conde, quen adiantou que a nova estratexia buscará “romper o teito de cristal da innovación para as pemes e os sectores tradicionais”. A folla de ruta, engadiu, é unha contribución transversal que “está feita por e para as persoas”, un plan diverso, multiple e multidireccional en cuxa elaboración colaboraron máis de 250 representantes e expertos do ecosistema galego da Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación.
As prioridades da folla, engadiu, son a sustentabilidade, a dixitalización e a innovación orientadas a abordar nas mellores condicións posíbeis os grandes retos da nosa sociedade.
Conde apuntou que nesta etapa marcada pola pandemia, “cómpre apostar de cheo pola I+D+i”, e facelo non só a nivel sanitario, senón tamén buscando o seu impacto no medio ambiente, na industria e na economía en xeral para “propiciar a transición cara a un modelo de crecemento máis sostible, intelixente, competitivo e centrado nas persoas”.
Amais, o responsábel de Economía, Empresa e Innovación sinalou que a nova RIS3 terá como cometido o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i, buscando a transferencia do coñecemento ao mercado, captando e retendo máis talento, e situando a Galicia como “un referente a nivel estatal e europeo”. Así, dixo, a nova RIS3 está concibida como “unha estratexia transversal e multicompetencial para fortalecer e completar as cadeas de valor dos sectores estratéxicos galegos e impulsar a súa circularidade”.
Na súa intervención, Conde salientou “o importante esforzo feito por Galicia a través da Estratexia de Especialización Intelixente 2014-2020”. Nese período, o investimento en I+D na Comunidade medrou un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23%), conseguindo o nivel máis alto (641,7 millóns de euros). Ademais, explicou, a innovación galega medrou case o dobre do ritmo da media española desde 2014.

PUBLICIDADE