Conde e Argerey visitan a sede de INTA e reforzan a estratexia aeroespacial galega

martes, 15 de xuño do 2021 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a directora da axencia GAIN, Patricia Argerey, mantiveron este 14 de xuño unha reunión de traballo co director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), José María Salom, na sede madrileña desta entidade de investigación. O obxectivo foi avanzar no deseño da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025. Conde e Argerey salientaron a importancia de contar co apoio deste organismo público, dependente do Ministerio de Defensa, para seguir consolidando a nosa terra, a través das instalacións de Castro de Rei (As Rozas, sede do noso Polo Aeroespacial), como un referente no sector. Tamén lembraron que a Estratexia abrangue a atracción de 4 a 8 empresas tractoras da industria aeroespacial e a participación de máis de 200 empresas, sobre todo pemes.
Conde tamén puxo en valor a importancia do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) como motor esencial da Estratexia 2021-2025, xa que “nestes momentos conta cunhas instalacións pioneiras en Europa para a realización de ensaios certificados e para a investigación con drons”. Así, avogou por estreitar aínda máis a colaboración entre Xunta e INTA para “afianzar o liderado do Polo Aeroespacial de Galicia e convertelo na primeira Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular (ICTS) en España especializada en vehículos aéreos non tripulados e avanzar na súa sustentabilidade económica”.
O plan estratéxico
O Goberno galego aposta por un Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia de cara aos próximos cinco anos co que se espera a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a sinatura de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.
Trátase dun dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que se finalmente o Goberno central accede a que o Polo Aeroespacial forme parte deste programa europeo, podería chegar a mobilizar 540M€ de investimento público-privado, dos cales xa ten comprometidos 70M€ (destes, 40 millóns se destinarán a licitación de Compra Pública Precomercial que será publicada ao longo do mes de xullo).

PUBLICIDADE