Conseguen facer funcionar Linux nos novos Mac
xoves, 21 de xaneiro do 2021
Coa
chegada dos novos ordenadores de Apple con procesadores M1 provocouse un grande
cambio, xa que os Mac deixaban de ser compatibles con Windows e Linux, para
quedar limitados a macOS, e aínda que levar legalmente Linux aos novos equipos
sexa complicado, dende Corellium
conseguiron facelo con éxito.
O equipo de Corellium leva facendo un seguimento do ecosistema móbil de Apple
dende o iPhone 6, ou sexa, que realmente levan anos traballando co hardware de
Apple para coñecer o seu funcionamento e así poder aproveitalo, e unha vez que
saíron ordenadores con M1 puxéronse mans á obra para crear un port de
Linux. Aínda que Linux para procesadores ARM de 64 bits non é ningún misterio,
os equipos de Apple teñen moitos elementos únicos, de aí que traballar con eles
sen realizar prácticas que poidan violar a propiedade industrial de Apple non
foi doado, pero finalmente conseguiron avanzar o suficiente como para facer
correr unha distribución Linux de escritorio nun dos novos Mac.
Estamos ante un Linux en probas, que conta aínda con moitas limitacións, pero
calquera interesado pode seguir as
instrucións que publican dende Corellium para, por exemplo, correr Linux
nun Mac mini con M1 a través de USB. Aínda que non estamos ante unha versión de
Linux que poidamos considerar apta para contornos de produción, e pese a que o
principal uso para adquirir un Mac é precisamente polo feito de que o seu
software e hardware estean deseñados de xeito conxunto, sempre hai quen desexa
poder utilizar sistemas operativos alternativos, e estes primeiros pasos
resultan moi prometedores.