Consumo prepara un índice de reparabilidade para os produtos electrónicos

martes, 16 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Aproveitando que onte celebrábase o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras dende o Ministerio de Consumo anuncian que están a desenvolver un Índice de Reparabilidade que clasificará os produtos eléctricos ou electrónicos. Esta iniciativa consiste na creación dun selo que acompañará aos produtos nas súas embalaxes e que axudará aos consumidores a tomar mellores decisións no momento da compra.
Para calcular o índice mencionado teranse en conta a documentación achegada polo fabricante para facilitar as reparacións, a facilidade para desmontar o produto, a dispoñibilidade de pezas de reposto, a relación entre o prezo das pezas de reposto e o produto orixinal e tamén outros criterios que dependerán de criterios específicos (como pode ser a facilidade no reinicio de software).
Francia xa regulou esta material, e como mostra temos que Apple ten na súa páxina web un apartado dende o que achega os índices de reparabilidade dos seus móbiles e ordenadores persoais, e así podemos comprobar que o iPhone 12 ten un índice de 6 sobre 10, o iPhone XR un 4,5 e os portátiles terían índices de entre o 5,6 e o 7. Nos equipos que peor puntuación nos produtos de Apple tende a ter un importante peso a dificultade da operación de reparación e o prezo das pezas de reposto, algo comunmente coñecido, pero que un índice de reparabilidade axuda a que sexa máis doado de saber polos consumidores máis prudentes.

PUBLICIDADE