Coruña Bloggers retoma a súa actividade
luns, 16 de xaneiro do 2023
Tras
unha paréntese provocada pola pandemia, Coruña
Bloggers retoma a súa actividade presencial, cun lixeiro cambio nas súas convocatorias,
de xeito que agora celebrarase os últimos xoves de cada mes (de xaneiro a xuño)
ás 19:30 horas no edificio da ONCE no Cantón Grande coruñés (a poucos metros do
Obelisco).
As xuntanzas manteñen o seu carácter solidario, de xeito que instan aos
asistentes a acudir como mínimo cun quilo de alimentos non perecedoiros para
entregar na Cociña Económica (na historia do evento xuntouse un total de 2.550 quilos de alimentos).
Esta edición de Coruña Bloggers comezará cun relatorio de Sara Fernández Serrano
da axencia Nortecreando, quen achegará consellos prácticos e indicacións sobre
como conseguir que unha conta de Instagram destaque e non pareza un simple
catálogo chegando a involucrar ao usuario na estratexia de marketing.
Tamén impartirá outra charla Raúl Ordóñez, da axencia Sherpa Digital, abordando
desta volta o fenómeno do vídeo curto vertical que tanto éxito está a ter en
plataformas como TikTok.
O encontro contará con algunha sorpresa, unha sesión de networking nun
local de hostalaría próximo e, como novidade, unha Sección 3x3 na que
darase 3 minutos para presentar proxectos (un blog, un libro, servizos...).