Cos pés na terra, finalista nos Premios Pro-Docs á Mellor Serie Documental

xoves, 12 de maio do 2022 Redacción

O espazo da TVG Cos pés na terra é finalista nos Premios Pro-Docs 2022 á mellor serie documental. Estes galardóns, que concede a Asociación de Produtores de Documentais, recoñecen as mellores obras documentais televisivas do ano pasado, poñendo o acento no talento, a calidade e a riqueza que existe arredor deste xénero televisivo. Nesta novena edición, os Premios Pro-Docs incorporan por primeira vez a categoría de mellor serie documental televisiva para distinguir o formato das producións por capítulos.
Dirixido por Diego Guerrero Sande e producido por Filmax e a CRTVG, Cos pés na terra compite na categoría de Mellor Serie Documental con O rei. Joan Carles I, media vida en Marivent, producida por MOM Works e IB3 e codirixida por Marta Hierro e Núria Abad; Terres de cinema, producida por Andana Audiovisual, Lof Media e Á Punt, está dirixida por Fran Ruvira, e ¿Dónde está Marta?, de Cuarzo Producciones (Banijay) e Netflix, baixo a dirección da galega Paula Cons.
Cos pés na terra é unha serie documental que a TVG emite os luns no prime time, e que foi estreada no ano 2011. Cunha periodicidade semanal, en cada entrega amosa tres historias humanas de homes e mulleres que apostan por construír a súa vida no campo e como medio de desenvolver o traballo. Os gañadores dos Premios Pro-Docs 2022 coñeceranse o próximo 18 de maio no transcurso da gala inaugural do 25 Festival Internacional de Cine Documental DocsBarcelona.

PUBLICIDADE