Críticas ao xogo en liña Euroescola pola discriminación ao galego e ao éuscaro

venres, 22 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

As agrupacións políticas BNG e AGE expresaron estes días o seu malestar pola discriminación co galego dunha serie de servizos e actividades informativas postas en marcha polo Parlamento Europeo en España con motivo do Ano dos Cidadáns. Entre estas iniciativas atópase o concurso para escolares Euroscola, que ten a finalidade de impulsar, a través dun xogo, o ensino nas linguas nunha Europa plural e unida. Pois ben, os responsábeis da actividade dixital en cuestión consideran que o galego non debe ter cabida no seu modelo futuro de UE, posto que aparece en tres versións (castelán, catalán e inglés) pero non hai rastro do galego. Esta discriminación, unida á do éuscaro, xa provocou rexeitamentos e máis a creación dun grupo de Facebook no que se convida a enviar unha protesta aos organizadores do certame a través do enderezo comunicacion@euro-scola.com.
Asemade, a eurodeputada Ana Miranda fixo saber que achegará unha protesta oficial ante o Parlamento Europeo. Pola súa parte, Alternativa Galega de Esquerda, a través do deputado Xabier Ron, criticou a discriminación ao galego dun concurso educativo que, xirando como xira arredor do Ano Europeo dos Cidadáns, non é fiel ao seu cometido de “traballar sobre os dereitos e beneficios dos cidadáns europeos e sobre o significado da cidadanía activa na construción europea en que os mozos teñen un papel fundamental”. Ron presentou xa unha proposición non de lei para que o Parlamento inste á Xunta a defender “a lingua propia de Galicia neste novo episodio da súa marxinación”. Ao seu xuízo, “non existen linguas de primeira e de segundo”, afirma Ron, “e todas as linguas do Estado español teñen dereito a ser empregadas polo alumnado e o profesorado”.

PUBLICIDADE