Crysis 2 xa está á venda para PC, Xbox 360 e PS3

xoves, 24 de marzo do 2011 Marcus Fernández

O primeiro Crysis converteuse en todo un referente do sector dos videoxogos á hora de demostrar a superioridade gráfica dos ordenadores fronte as consolas de videoxogos, pero agora Crytek e Electronic Arts achegan ás tendas españolas o xogo Crysis 2 non só para PC, senón tamén para as consolas de videoxogos Xbox 360 e PlayStation 3 grazas ao motor CryENGINE3, que nesta nova iteración optou por ser multi-plataforma.
O xogo está ambientado nunha devastada cidade de New York no ano 2023, onde teremos que defendernos dun ataque alieníxena coa axuda dos poderes que nos dá o Nanotraxe 2, que multiplica a forza, permite ser máis rápido e incluso permite facer invisible ao seu usuario.
Crysis 2 tamén destaca por ser posible gozarse tanto en 2D como en 3D e por contar cunha coidada campaña multi-xogador. Ten 6 modos de xogo e 12 mapas, polo que non só estamos ante unha obra moi avanzada tecnicamente, senón tamén moi completa, para permitir que os afeccionados a este tipo de títulos poida dedicarlle moitas horas sen aburrirse.
A chegada de Crysis 2 tamén vén acompañada por unha cálida acollida por parte da crítica especializada, con máis de 50 notas por riba de 90 (sobre 100). Na revista Marcaplayer consideran que estamos ante «un dos mellores FPS desta xeración» e espétanlle un 9,3, mentres que Vandal.net dálle un 9,2 e Meristation.com un 9,0, polo que parece unánime a boa puntuación deste impresionante xogo de acción.

As publicacións especializadas están a tratar moi ben a Crysis 2

PUBLICIDADE