Cyberpunk 2077 recibe o parche 1.2

luns, 29 de marzo do 2021 Marcus Fernández

O mes pasado CD Projekt Red anunciou que o parche 1.2 de Cyberpunk 2077 que prometía solucionar a meirande parte dos grandes erros do xogo non chegaría a tempo, adiándose o seu lanzamento até finais de marzo, e poderiamos dicir que cumpriron o prazo, cando menos en ordenadores persoais e consolas, plataformas para as que o parche xa é unha realidade, mentres a Stadia chegará ao longo da semana.
A listaxe de cambios que incorpora o xogo é realmente inmensa, deixando claro que o título estaba moi lonxe de estar rematado cando chegou ás tendas, e queda agora por comprobar se realmente agora Cyberpunk 2077 está máis preto de poder considerarse un produto rematado, para pasar a recibir pequenas correccións periódicas e novos contidos, así como as máis que agardadas versións do xogo para Xbox Series X|S e PlayStation 5, xa que actualmente corre en consolas de nova xeración valéndose da retrocompatibilidade, algo moi pouco digno para unha produción deste nivel.
Outro detalle importante deste parche é que, de comprobarse que realmente corrixe os principais fallos do xogo, este poida volver publicarse na tenda dixital de PlayStation, da que expulsaron o título despois das numerosas reclamacións recibidas, considerándose que a versión para PlayStation 4 era pouco menos que inxogable, ofrecendo unha experiencia moi deficiente.

PUBLICIDADE