DJI actualiza a súa cámara estabilizada de peto
martes, 20 de outubro do 2020
Hai un par de anos DJI
revolucionou o mercado lanzando o DJI Osmo Pocket, unha versión reducida das
cámaras estabilizadas da mesma marca, que incluso deu pé a copias descaradas como
a Fimi Palm e a
Feiyu Pocket, e da que
finalmente temos un modelo sucesor, o DJI
Pocket 2, que mantén o mesmo factor de forma incorporando melloras na
calidade de imaxe e, moi especialmente, de son.
A cámara DJI Pocket 2 cabe perfectamente na man ou no peto, polo que a súa
portabilidade é a súa principal virtude, que nesta revisión conta cun sensor de
maior tamaño (1/1.7 polgadas) e 64 Mpíxeles capaz de filmar vídeo 4K a 60
imaxes por segundo con HDR, á vez que tamén ten enfoque automático e
estabilización de imaxe de 3 eixes.
A nivel sonoro incorpora a tecnoloxía DJI Matrix Stereo, que permite capturar o
son real con grande fidelidade. Tamén inclúe SoundTrack (axusta a dirección do
audio cara a onde apunte a cámara), ao empregar o zoom de até 8x permite facer
tamén zoom de audio, e tamén conta con tres patróns de gravacións para escoller
a direccionalidade que queiramos na captación sonora. Tamén resulta interesante
destacar que existe a posibilidade de usar un micrófono sen fíos con esta
cámara, facilitando así que unha persoa realice gravacións desasistidas
combinado este micrófono coa tecnoloxía de seguimento automático da cámara
(ActiveTrack 3.0).
A DJI Pocket 2 conta con modos de gravación como o timelapse, o motionlapse e o
hyperlapse; pode disparar fotografías panorámicas; e tamén permite gravar vídeo
en cámara lenta Full HD a 120 ou 240 imaxes por segundo (ou sexa 4x ou 8x). A
batería da cámara permite empregala até 140 minutos. Tamén pode comunicarse co
smartphone para o seu uso como pantalla externa ou incluso para poder realizar
retransmisións en directo a través de YouTube, Facebook ou plataformas que
acepten o protocolo RTMP.
Outro punto forte importante da DJI Pocket 2 é o elevado número de accesorios dispoñibles,
como carcasa impermeable, soporte para teléfono, obxectivo grande angular, filtros
de densidade neutra, estoxos de carga, soporte para trípode ou incluso un brazo
extensible.
O DJI Pocket 2 sae á venda
a un prezo de 369 euros na súa edición básica e a 509 euros con micrófono
sen fíos e obxectivo grande angular.
- A DJI Pocket 2 conta con numerosos accesorios para ampliar as súas posibilidades
Vídeo promocional da cámara DJI Pocket 2