DJI comercializa un novo dron económico

luns, 16 de agosto do 2021 Marcus Fernández

No mercado dos drons de consumo DJI fixo historia co DJI Mavic Mini, que ao pesar menos de 250 gramos entra nunha categoría de produto que permite un uso recreativo moi amplo, e o ano pasado lanzaron o DJI Mini 2 para aproveitar ese concepto para comercializar un produto bastante superior e, mentres non chega unha terceira versión deste produto, e atendendo á demanda de drons económicos en certos mercados, están a pór á venda en distintos países o DJI Mini SE, un dron de menos de 250 gramos que reduce prestacións achegándose ao modelo de 2019.
O DJI Mini SE vén a ser un dron ultralixeiro cunha autonomía máxima de 30 minutos, cámara de 2,7K con estabilizador de 3 eixes, sensor de visión e transmisión de vídeo en HD a unha distancia suposta de até 4 quilómetros, que ten un prezo oficial de 299 dólares (bastante lonxe dos 449 dólares do DJI Mini 2) pero que non se vende en Europa e a propia DJI incluso evita promocionalo, dando a impresión de que simplemente o colocou no seu catálogo para non deixar pasar a oportunidade de captar ao público de mercados emerxentes ou a futuros entusiastas que queiran dar os seus primeiros pasos cun dispositivo económico.
O DJI Mini SE conta con menos prestacións que o DJI Mini 2 aínda que mantén o seu chase, e aínda que dan a entender que a grande diferenza entre ambos drons está na resolución da súa cámara (o DJI Mini 2 grava en 4K), a diferenza real está na tecnoloxía de control remoto e transmisión de vídeo, xa que o DJI Mini 2 baséase en OcuSync, mentres que o DJI Mini SE baséase en Wi-Fi, o que achega un alcance moi inferior e unha estabilidade moi mellorable. Temos así que o novo dron económico realiza concesións que moitos non consideran aceptables, aínda que a diferenza e prezo é significativa (actualmente o DJI Mini 2 poden adquirirse por 459 euros e o DJI Mini SE con gastos de envío e aranceis sairía nuns 344 euros).

PUBLICIDADE