DJI presenta os novos drons Mavic 2

venres, 24 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A serie de drons con cámara de reducidas dimensións de DJI renóvase co Mavic 2, un modelo que chegan en dúas variantes en función da súa cámara e destacan por incorporar numerosas tecnoloxías que conseguen a excelencia na fotografía aérea conseguindo combinar calidade, seguridade e facilidade de uso.
O modelo máis económica, cun prezo de 1.249 euros, sería o Mavic 2 Zoom, que conta con calidade de imaxe de Hasselblad e un obxectivo con zoom óptico de 2x (capaz de realizar vídeo Full HD con zoom 4x sen perdas) e a posibilidade de disparar instantáneas cunha superresolución de 48 Mpíxeles (sendo o seu sensor integrado de 12 Mpíxeles).
Pola súa banda, o Mavic 2 Pro, cun prezo de 1.449 euros, opta por unha cámara Hasselblad de 20 Mpíxeles capaz de gravar vídeo con HDR de 10 bits, que consegue unha calidade de imaxe de luxo, que coida especialmente o detalle das cores.
Ambos drons contan con cámaras con estabilización en tres eixes, pode producir vídeos en hyperlapse con distintas programacións de voo (libre, círculo, rumbo fixo e traxectoria), disparan fotografías con HDR mellorado, incorporan tecnoloxía HyperLight para reducir o ruído dixital en fotografías tomadas con pouca luz, gardan o vídeo en formato H.265 (conseguindo así unha maior calidade que os habituais vídeos en H.264), empregan o sistema de transmisión de vídeo dixital OcuSync 2.0 (capaz de transmitir vídeo Full HD até a 8 quilómetros de distancia e mudar entre as frecuencia de 2,4 e 5,8 GHz de xeito automático), teñen unha velocidade punta de 72 quilómetros/hora, son máis silenciosos que os seus predecesores e poden voar até 31 minutos cunha única carga.
Unha das novidades máis interesantes dos Mavic 2 é a incorporación de detección de obstáculos omnidireccional, ou sexa, que é o primeiro dron de DJI en integrar sensores de detección de obstáculos en todos os seus lados, o que supón unha importante mellora da seguridade.
Tampouco omite funcións de modo de disparo intelixente, como a tecnoloxía de seguimento ActiveTrack 2.0 (que incluso prevé por onde vai xurdir o elemento seguido se desaparece temporalmente do campo de visión), QuickShots ou Panoramas (con 4 modos de panorámica: esfera, 180 graos, horizontal e vertical).
E para facer máis doada a fotografía aérea, conta con modos como POI 2.0 (que facilita a gravación de obxectos rodeándoos se é preciso), Waypoint 2.0 (que permite planificar traxectorias de voo), Dolly Zoom (que permite replicar un efecto de zoom en movemento moi cinematográfico no que o obxecto central permanece estático mentres notamos como se achega o fondo, creando certa vertixe), Asteroid (que se achega a un obxectivo dende unha grande altura) e Boomerang (que rota ao redor do elemento a filmar afastándose e volvéndose a achegar, imitando a traxectoria dun búmerang).

Vídeo de presentación dos drons DJI Mavic 2

PUBLICIDADE