DJI renova o seu estabilizador para móbiles

venres, 23 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O fabricante líder de drons de consumo, DJI, leva tempo aplicando os seus desenvolvementos na estabilización de imaxe para vídeo, chegando incluso a converterse no referente de estabilizadores para smartphones, de aí que non sorprenda que lancen un novo modelo do seu produto, o Osmo Mobile 6, que mantén un formato moi compacto e lixeiro, que pode encartarse para o seu transporte e que incluso integra un brazo extensible para poder substituír aos paus de selfie.
Estamos ante un estabilizador de 3 eixes, que mediante software instalado no móbil pode realizar seguimento de obxectivos (o que vale tanto para realizar secuencias moi dinámicas sen precisar de grande pericia como para pousar o estabilizador sobre unha superficie fixa e gravarse a si mesmo de xeito desatendido) e, como grande novidade, nesta nova versión conta cunha función de inicio rápido, de xeito que tan pronto de desprega o estabilizador, estea acenderase e iniciará automaticamente a aplicación móbil DJI Mimo no teléfono co que estea ligado o estabilizador.
O estabilizador conta con diferentes modos de funcionamento (seguimento, inclinación fixa, FPV e SpinShot) e tamén conta con múltiples funcións intelixentes (timelapse, dynamiczoom, control por xestos, panorámica e modo story), de xeito que resulta doado gravar vídeos espectaculares con el.
Está xa dispoñible cunha abrazadeira magnética, trípode, cable de alimentación, correa de pulso e bolsa de almacenamento por 169 euros.

PUBLICIDADE