DJSON1C afiánzase na Rede cos seus temas de baile en galego

luns, 26 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A música en galego vaise abrindo camiño na Rede, e ás veces a través de propostas que nun principio están ben afastadas do que entenderíamos por canción popular. Falamos de creación de vangarda como a do artista galego DJSON1C, que está a revolucionar a tendencia dance music cun ingrediente que até agora non abondaba, precisamente, nos estilos discotequeiros: o ingrediente da nosa lingua. A presenza de DJSON1C é ampla estes días nas salas galegas e máis na Internet, con espazos propios en MySpace e máis YouTube (nos que dá conta das súas últimas novidades, vindeiros concertos e novos temas, como por exemplo A festa non vai parar ou Sen ti).
Asemade, o artista galego ten unha páxina propia de seu, onde se recompilan notas biográficas, galerías de imaxes ou entrevistas.
Asemade, conta cun amplo seguimento na páxina Galicia Electrónica, web centrada nas novas tendencias musicais galegas ligadas ao baile. Dende a páxina infórmase entre outras cousas da traxectoria artística do músico coruñés, amais das súas propostas para conmemorar a festa das nosas Letras co lanzamento dun tema, Sen ti, que por certo púxose en libre descarga na web oficial de Moguda.

PUBLICIDADE