DOOM sae á venda para consolas e PC

venres, 13 de maio do 2016 Marcus Fernández

Chegou o día que esperaban moitos afeccionados aos shooters en primeira persoa, e a nova versión de DOOM xa está dispoñible para PlayStation 4, para Xbox One e para PC, de xeito que xa podemos volver a desatar potente armamento contra as tropas do inframundo.
Este xogo de id Software recupera a franquía, pero adoptando mecánicas modernas, xa que este xénero foi evolucionando dende os tempos nos que DOOM era un xogo pioneiro, e agora temos nas tendas un título que tanto ofrece unha campaña para un xogador que permitirá gozar dunha boa cantidade de horas aniquilando hordas do averno, como conta con modos multi-xogador que permitirá competir cos nosos amigos recuperando mecánicas propias da saga, como o feito de que non hai coberturas nin pausas para rexenerar a saúde.
Temos un xogo frenético, no que podemos rematar cos demos facendo uso de armas emblemáticas e futuristas, así como mediante a loita corpo a corpo, coiteladas, pisotóns ou esmagamentos... demostracións de violencia que forman unha parte inseparable do espírito desta marca que, fiel tamén aos seus inicios, conta con DOOM SnapMap, un editor de xogo que permite crear, xogar e compartir contidos co resto do mundo.

Tráiler de lanzamento do xogo

Para celebrar o lanzamento do xogo, Bethesda colaborou cun artista australiano da motoserra para traer á vida un dos inimigos máis icónicos do xogo

PUBLICIDADE