DayZ supera os 400.000 usuarios na primeira semana do seu acceso preliminar

venres, 3 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Bohemia Interactive leva bastantes meses traballando en DayZ, un xogo masivo en liña que sitúa a acción nun mundo afectado por unha infección que reduciu drasticamente a poboación, polo que supón todo un reto sobrevivir nun territorio asolado mentres se loita contra a poboación indíxena infectada, na liña ao que nos teñen afeitos as apocalipses zombis, reto que poderemos intentar superar de xeito individual ou colaborando con amigos. Para que os máis impacientes puidesen somerxerte neste prometedor título, o pasado 16 de decembro abriuse un acceso preliminar ao xogo en Steam, o que permite gozar do mesmo antes da súa estrea oficial, así como involucrarse no seu desenvolvemento final, para o que hai que pagar 23,99 euros, o que nas primeiras 12 horas fixeron 88.000 usuarios e na primeira semana conseguiu atraer a 400.000 usuarios, todo un éxito para un xogo que aínda non está rematado.
Neste momento están nunha etapa máis pausada do xogo por mor das festas do Nadal, pero deixan claro que teñen un itinerario ben establecido para seguir a pulir o xogo e escalar os seus servidores en liña, para conseguir soportar a carga masiva previsible para cando se estree oficialmente (actualmente as máquinas que atenten as partidas xa están a tope, chegando a soportar máis de 40.000 usuarios simultáneos).
ACTUALIZACIÓN: Os responsables do xogo recoñecen que no seu primeiro mes á venda superaron as 800.000 unidades vendidas.


Trailer de lanzamento do acceso preliminar a DayZ

PUBLICIDADE