Dead Cells chega a iPhone e iPad

venres, 30 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado o estudio Motion Twin conseguiu certo éxito co seu xogo Dead Cells, título que contou con versións para PS4, Xbox One, Nintendo Switch e ordenadores persoais e convenceu coa súa proposta na que mesturan os xéneros roguelike e metroidvania, no que dan en chamar roguevania.
Neste xogo tomamos o rol dun cúmulo de células froito dun experimento alquímico fracasado que se apoderan dun corpo en descomposición co que explorar un castelo en constante expansión para descubrir o acontecido no lugar.
En Dead Cells temos que seguir a mecánica de matar, morrer, aprender e repetir, ou sexa, estar aprendendo constantemente dos erros, e agora xa non é imprescindible gozar do xogo en PC ou consola, senón que tamén podemos facernos cunha versión para iOS, que saíu á venda por 8,99 euros.
O xogo está adaptado tanto a iPhone como a iPad, para o que renovaron a súa interface, de xeito que podemos elixir entre modos de xogo (orixinal ou autoataque), personalizar os seus controis táctiles e incluso manexar o xogo con mandos externos MFi.
O traballo de optimización do xogo para dispositivos móbiles vai aproveitarse para lanzar en breve unha versión para Android deste título independente.

Tráiler de lanzamento de Dead Cells para iOS

PUBLICIDADE