Dead Island déixase ver na GDC

venres, 4 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Hai menos dun mes o sector dos videoxogos quedou conmovido polo impresionante trailer de Dead Island, xogo de Techland do que pouco coñeciamos ata o momento e que agora ten todas as miradas postas sobre o mesmo, e finalmente na Game Developers Conference puideron coñecerse novos detalles deste agardado título que chegará ás tendas este ano.
Aínda que resulta evidente que o xogo non pode ter a calidade narrativa do seu trailer, estamos ante unha aventura de mundo aberto (cos perigos que iso supón), na que poderiamos encarnar a 4 personaxes (na demostración presentada na GDC puido verse a Sam B, un rapeiro en decadencia, que viaxa á illa de Banoi para desconectar antes de afrontar a gravación dun novo disco, atopando un brote zombi), e aínda que nos últimos anos o xénero estivese centrado en shooters, as armas de fogo serán pouco frecuentes en Dead Island, debendo o xogador aproveitar os distintos obxectos que atope no camiño (remos, bates, pancas…) para abrise camiño a través de combates corpo a corpo.
Coma vén a ser habitual nos xogos de mortos viventes, hai inimigos de distintos tipos, que van dende o zombi lento ata o que aparece correndo. Tamén destaca o feito de que as armas poden quedar cravadas nos mortos e, de conservaren a súa integridade, poden recuperarse para seguir derrotando rivais sen ter que empregar os puños.
Estamos así ante un xogo que realmente non achega nada novo (parece unha mestura entre Dead Rising, Dead Space, Left 4 Dead e Grand Theft Auto), senón que xunta unha chea de tópicos do xénero, cun grande coidado estético, pero sen destacar tecnicamente (aínda que quedan meses de desenvolvemento para poder analizar tal apartado con rigor). Se todo vai ben terémolo en PC, Xbox 360 e PlayStation 3 antes do Nadal.

JPEG - 222.9 KB
No xogo haberá que aproveitar o que atopemos no camiño coma arma para derrotar aos zombis
JPEG - 207.9 KB
A illa do xogo poderá recorrerse a pé ou en coche

PUBLICIDADE