Dead Rising 2 terá opción multi-xogador

mércores, 29 de abril do 2009 Marcus Fernández

Durante a Game Developers Conference formouse certo rebumbio ao redor de Dead Rising 2, xogo moi agardado, pois anunciárase que sería multi-xogador para despois retractarse, dicindo que en realidade querían dicir que ía ser multi-plataforma, pero finalmente parece ser que a primeira afirmación era certa, e Keiji Inafune, director de investigación e desenvolvemento de Capcom confirmou que o xogo terá «algún tipo de compoñente multi-xogador», aínda que sen dar máis detalles ao respecto.
Inafune tamén fixo unha demostración do xogo durante unha hora, dando a coñecer que durante a partida é posible que aparezan ata 7.000 zombies en pantalla (pois o xogo non reciclará o motor da súa anterior entrega, senón que parte dun desenvolvemento novo), aos que haberá que matar facendo uso de todo tipo de armas, entres as que estarían dende bates de baseball ata pezas do mobiliario urbano (case calquera cousa pode ser unha arma), aínda que os máis habituais deste tipo de títulos gozarán máis da xa tradicional motoserra. Tamén terán moita importancia os vehículos, pois incluso será posible matar zombies cunha motocicleta.
O xogo terá unha mecánica tipo sandbox, o que dará certa liberdade ao xogador, que poderá decidir cómo xogalo, pero aínda ten moitos detalles por pulir antes de que vaia contar cunha versión de demostración xogable, que dea unha impresión das posibilidades reais do que promete ser o mellor xogo do seu xénero.

JPEG - 115.4 KB
A motoserra permitirá elevar o nivel de gore

PUBLICIDADE