Dead Rising 3 chegará ao PC en setembro

venres, 20 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O pasado outono chegou a Xbox One en primicia o xogo Dead Rising 3, e aínda que das consolas de nova xeración quedaba claro que o compromiso de Capcom con Microsoft deixaría a medio prazo a este título lonxe da PlayStation 4, non existía tal compromiso co PC, de xeito que agora xa sabemos da data de lanzamento de tal versión, que será o vindeiro 5 de setembro e destacando polo feito de que vén de incorporarse ás ofertas de verán de Steam, de xeito que xa pode reservarse cun 25% de desconto, o que deixaría o seu prezo en 37,49 euros (prezo moi inferior aos 64,99 euros que custa a versión de consola de nova xeración).
Este nova entrega da franquía de Dead Rising ambiéntase 10 anos despois dos acontecementos de Fortune City, permitindo que nos movamos por un inmenso mundo aberto cheo de zombis, no que poderemos contar con moitos vehículos e armas (que poderemos combinar), contando tamén coa posibilidade de enfrontarnos aos mortos viventes acompañados por un amigo.
Dead Rising 3 para PC é un xogo bastante esixente a nivel de hardware, recomendándose un equipo con Windows 7/8 de 64 bits, procesador Intel Core i5 a 3,2 GHz, 8 Gb de RAM, gráfica compatible con DirectX 11 (como unha nVIDIA GeForce GTX 670 con 2 Gb de memoria ou unah AMD Radeon 7970 con 2 Gb) e 30 Gb de espazo de disco libre, o que responde á grande carga gráfica que supoñen os numerosos inimigos que aparecen en pantalla, o que levou a que Capcom tivese que pulir moito este título para que puidese correr axeitadamente a 30 imaxe por segundo en Full HD coa configuración mínima de hardware (un Core i5 e 6 Gb de RAM) axustando o nivel de detalles ao mínimo, mentres que os usuarios coa configuración recomendada poderán gozar do xogo en Full HD cos gráficos a nivel alto. Os desenvolvedores comentan que o xogo incluso é capaz de correr nun ordenador portátil axustando a resolución a 720p, o que parece unha boa nova para os que queiran gozar deste xogo sen ter que renovar o seu equipo ou sen optar pola versión de Xbox One.


Trailer da versión para PC de Dead Rising 3

PUBLICIDADE