Dead Rising estrea versión para iPhone

venres, 10 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A App Store vén de recibir un novo título de Capcom que agradecerán os afeccionados aos xogos de zombis, pois non é outro que Dead Rising Mobile, unha versión para terminais de Apple do xogo que tanta sona acadou na Xbox 360 ata levalo posteriormente á PS3 e dar pé a unha secuela que está entre os grandes xogos de 2010. Polo momento estamos ante un xogo que está á venda por 3,99 euros e só é compatible con iPhone e iPod Touch, estando a compatibilidade con iPad pendente para a súa vindeira actualización.

Aínda que o número de inimigos en pantalla está limitado polas posibilidades do iPhone, parece suficiente para garantir unha boa descarga de adrenalina

O xogo volve a contar as aventuras do fotógrafo Frank West nunha vila baixo unha infección zombi. O heroe refúxiase nun centro comercial e deberá superar distintos retos para sobrevivir, aproveitando os elementos que atopa no camiño coma armas.
O título tamén permite remitir mensaxes a través de Facebook e Twitter para pedir axuda a amigos, que en caso de non acudir ao chamamento poderían ter que enfrontarse a un zombi co nome do xogador, a xeito de vinganza.
Está claro que non estamos ante un xogo excelente, especialmente polo alto que deixou o listón a versión para consolas domésticas, pero promete o mesmo: diversión a base de masacrar mortos viventes, cunha mecánica superior á de moitos xogos do mesmo xénero.

PUBLICIDADE