Dead or Alive 5 Ultimate terá unha versión Free-to-Play

luns, 3 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses vimos como diversos xogos masivos en liña, shooters e mesmo títulos de condución que adoptaban o Free-to-Play como modelo de negocio, e Tecmo Koei e o Team Ninja quere experimentar agora esta posibilidade co seu xogo Dead or Alive 5 Ultimate: Core Fighters, que pretende publicarse de balde en setembro na PlayStation Store, ofrecendo inicialmente un xogo básico coa posibilidade de engadir elementos mediante o pagamento.
Os usuarios de balde poderán controlar a 4 personaxes (Kasumi, Ayane, Ryu Hayabuse e Hayate) cos que loitar non só contra outros usuarios que acedan non só a esta versión do xogo, senón tamén cos que teñan o Dead or Alive 5 Ultimate na súa versión comercial.
Aínda que a información publicada ata o momento é provisoria e está suxeita a modificarse (especialmente no que se refire ao feito de que o xogo vaia estar dispoñible só para PS3, pois é posible que tamén apareza para Xbox 360), nun principio o pagamento dentro do xogo iría dirixido a mercar personaxes soltos (a razón de 3,99 dólares/personaxe) e 14,99 dólares para desbloquear o modo historia.
Unha interesante proposta que comprobará dun xeito práctico se os xogos de loita poden trunfar no Free-to-Play, ou se son mellor recibidos como produtos completos.

JPEG - 173.4 KB
O xogo Free-to-Play ofrecerá 4 personaxes de balde e permitirá pagar por desbloquear personaxes adicionais e o modo historia

PUBLICIDADE