Deicom e Conexiona impóñense nos desafíos da cuarta edición de Galicia Open Future

xoves, 31 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

José Antonio Losas, José Carballo, Javier Zorrilla, Francisco Conde, Rafael Prieto, e Adriana Vázquez

Finalmente Galicia Open Future, a plataforma galega de crowdworking de Telefónica, resolveu o seu certame de desafíos tecnolóxicos, os Retos Industria 4.0. Foron, como lembraremos, unha serie de probas convocadas ao abeiro da cuarta edición de GOF, convocadas pola operadora e a Xunta co fin de facer abrollar respostas concretas das nosas empresas innovadoras a necesidades concretas propostas por dúas empresas do noso tecido produtivo: FINSA e Grupo Nova Pescanova. As firmas gañadoras dos retos resultaron ser Deicom Technologies, para a proposta de Nova Pescanova, e Conexiona (iPlace), para o desafío achegado por FINSA.
O anuncio fíxose hoxe nun acto en San Caetano (Santiago) no que participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde; o director xeral do Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla; o conselleiro delegado de FINSA, José Carballo; e o director de Acuicultura de Nova Pescanova, Rafael Prieto. Pola banda das empresas gañadoras asistiron José Antonio Losas, director de Tecnoloxía de Conexiona, e Adriana Vázquez, directora executiva (CEO) de Deicom Technologies.
Segundo informou Telefónica, presentáronse ao certame finalmente dúas ducias de empresas, PEME, startups ou organizacións por cada un dos dous retos lanzados en febreiro pasado. Ao reto da madereira presentáronse 16 procedentes de distintos recantos de Galicia, 4 de España e 3 procedentes de Chile, Portugal e México. Ao reto de Nova Pescanova presentáronse 15 procedentes de Galicia, 5 do resto de España e tres de Alemaña, Portugal e Venezuela.
A proposta de FINSA consistiu en acadar unha tecnoloxía para xestionar e actuar sobre os elementos de sensórica de taboleiros e outros produtos de madeira instalados no fogar. Conexiona, entre outros produtos, desenvolveu a plataforma IOT iPlace, que actualmente se vende nos mercados europeo e latinoamericano.
Pola súa banda, o reto proposto por Nova Pescanova, e gañado por Deicom Technologies, perseguía dispor dun modelo de análise de predición para coñecer o comportamento do lagostino criado en piscifactorías e facer máis eficiente a súa cría. Deicom Technologies é unha empresa nova que fornece tecnoloxía e servizos de enxeñaría en proxectos de alicerce tecnolóxico, desde prototipos hardware ata algoritmos de información a gran escala e intelixencia nos negocios. Deicom Technologies, para que non o saiba, tamén é unha firma galega e participou, de feito, na primeira edición de Galicia Open Future.
Á parte dos gañadores, elixíronse tres finalistas por cada un dos retos. No de Nova Pescanova resultaron finalistas a alianza entre Biostatechh e Torus, Gradiant e Gamco. No caso de FINSA, Deicom Itelsis e Vizibles.
Os gañadores terán unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future_ de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento ao seu esforzo innovador”. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor dos tres finalistas, que poderá recibir unha axuda adicional de até 10.000 euros achegada pola axencia AMTEGA.
Amais das achegas económicas directas, XesGalicia concederá aos gañadores un préstamo participativo, ata un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo participativo de até 50.000 euros.

PUBLICIDADE