Destiny factura máis de 500 millóns de dólares no seu lanzamento

mércores, 10 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O xogo Destiny non só está a destacar por ser posiblemente o videoxogo máis caro da historia (aínda que dende Bungie matizaron que o seu desenvolvemento está moi por debaixo dos 500 millóns de dólares dos que falaban dende os departamentos de marketing de Activision, que claramente suma a tal cantidade o investimento en promoción), senón tamén pola súa boa resposta inicial, e dende a súa editora xa confirman o éxito do lanzamento de onte, xa que rexistraron unhas vendas que superarían os 500 millóns de dólares en tendas e a través das plataformas de descargas no seu primeiro día, converténdose no meirande lanzamento dunha nova franquía de videoxogos da historia (lembremos que GTA V conseguiu facturar 800 millóns de dólares en 24 horas).
Para celebrar a saída de Destiny máis de 11.000 establecementos de máis de 178 países abriron a medianoite para permitir que os seareiros máis impacientes puidesen gozar do xogo dende as primeiras horas para logo compartir o seu entusiasmo a través da Internet, dando a impresión de que a forte aposta de Activision polo novo proxecto de Bungie veuse recompensada.
O director xeral de Activision Publishing, Eric Hirshberg, asegura que “Destiny é oficialmente o meirande lanzamento dunha nova franquía na industria. Tamén é o xogo de consola con máis vendas en versión dixital no seu primeiro día. Temos máis confianza que nunca en que Destiny converterase nunha das franquías emblemáticas desta xeración e na na vindeira marca millonaria de Activision”.

PUBLICIDADE