Deus Ex terá un novo xogo para PS4, Xbox One e PC

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

A portada da revista Game Informer do mes de maio é aproveitada unha vez máis para presentar un videoxogo, que posiblemente conte cunha moi boa recepción do público, xa que trataríase dunha secuela de Deus Ex: Human Revolution, xogo que en 2011 recuperou a saga cyberpunk de Deus Ex iniciada no ano 2000, e que coa súa combinación de acción e sixilo, sumada á súa coidada ambientación, conseguiu que fose moi ben recibido polo público e pola crítica (conseguindo un salientable 90 sobre 100 en Metacritic).
Deus Ex: Mankind Divided transcorrerá en 2029, un par de anos despois de Human Revolution, momento no que Adam Jensen volve e une as súas forzas cunha unidade especial da Interpol que persegue a terroristas aumentados nun mundo que odia e teme aos transhumanos. Jensen contará agora con novos aumentos que permitiranlle moverse con intelixencia entre o sixilo, o combate e a interacción social, sendo o propio xogador o que decidirá como solucionará cada situación.
Este xogo de Eidos-Montreal non ten aínda data de lanzamento definida, pero adiantan que contará con versións para PS3, Xbox One e PC. O vindeiro número da Game Informer dedicará 12 páxinas a facer un repaso deste prometedor título.

JPEG - 177.3 KB
O usuario será o que decida se supera as distintas situacións mediante a infiltración ou mediante un enfrontamento máis directo


Vídeo de Game Informer no que dan conta do lanzamento do novo Deus Ex

PUBLICIDADE