Dez proxectos pasan á segunda fase do programa de formación-aceleración Emprende Lab Barbanza

mércores, 9 de decembro do 2020 S. P.

O Concello de Boiro vén de informar do remate da primeira fase do seu programa de formación-aceleración de empresas innovadoras, o programa de traballo colaborativo (coworking) Emprende Lab Barbanza, posto en marcha no mes de setembro grazas ao financiamento da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE). Dez proxectos, dos dezaoito participantes no programa, foron seleccionados para pasar á segunda fase, a aceleración, tras a xornada Demoday celebrada a pasada semana. Todos eles teñen en común unha marcada vertente tecnolóxica (ofrecendo produtos e servizos TIC e, tamén, unha clara vocación de empregar as novas ferramentas para vender, promover, distribuír e comunicarse) e todos abéiranse, e maior ou menor medida, ao sustentábel, ao desenvolvemento territorial e ao solidario.
Estas son finalmente as iniciativas emprendedoras seleccionadas:
· Fortem Hub, unha proposta formativa para persoas de colectivos vulnerábeis.
· Laflora, unha iniciativa para a produción musical e as iniciativas emprendedoras.
· Orenpay, que desenvolve unha aplicación móbil para o sector hostaleiro que permite ver a carta ou facer un pedido mediante códigos QR.
· E-commerce, de agasallos personalizados.
· NadadeNada, un proxecto téxtil.
· Arándanos Barbanza, unha iniciativa de agricultura ecolóxica.
· Esteos, un proxecto de tecnolóxico baseado no Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés) para simplificar os procesos produtivos das empresas e minimizar custes.
· GastroLab Arousa, unha escola de cociña cun espazo gastronómico orientado á formación e ás demostracións culinarias en directo.
· Naturalmente, unha proposta de terapias alternativas para o coidado usando produtos naturais.
· Fashion School, unha escola de corte e confeccións online.
Para a selección dos proxectos que pasan á seguinte fase o xurado tivo en conta a madurez do proxecto alcanzado nesta primeira fase de formación, seguindo criterios como a súa posta en valor, a definición do mercado ao que vai dirixido, o modo de comercialización ou a escalabilidade. Tamén o potencial de crecemento do proxecto, a súa capacidade para chegar a outros mercados, para mellorar a calidade de vida do territorio ou a capacidade de xerar impacto económico.
Os dez proxectos seleccionados do programa Emprende Lab Barbanza pasan agora a unha segunda fase, a de aceleración. As persoas emprendedoras teñen á súa disposición as instalacións do Espazo Coworking para seguir traballando na posta en marcha dos proxectos, así como recibir asesoramento personalizado para os seus proxectos.

PUBLICIDADE