Diablo III sairá o 15 de maio

xoves, 15 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Tras unha longa espera Blizzard Entertainment anunciou hoxe que o xogo Diablo III chegará ás nosas tendas o vindeiro 15 de maio tanto en soportes físicos como mediante descargas, estando dispoñible en inglés, español, portugués, francés, alemán, Italiano, polaco, ruso, coreano e chinés, cando menos na versión para Windows, pois a versión para Mac OS X só estará dispoñible en inglés.
Esta nova entrega de Diablo continuará a liña da saga, podendo tomarse o papel de 5 personaxes heroicos (un bárbaro, un médico bruxo, un mago, un monxe ou un cazador de demos) para enfrontarse a infinidades de demos nunha busca para limpar o Santuario das forzas corruptas dos Infernos Abrasadores. Gozará de compoñentes de xogo en liña baseados en Battle.net e aspira a converterse nun título do que os usuarios poidan gozar durante anos como aconteceu co seu anterior capítulo.

O xogo tamén comercializarase nunha completa edición para coleccionistas

Nas tendas o xogo terá un prezo de venda recomendado de 59,99 euros na súa edición básica, estando tamén dispoñible unha Collector’s Edition, que incluirá unha caixa en cor branca, co xogo en DVD, un Blu-ray/DVD con reportaxes, a banda sonora de Diablo III, un libro de ilustracións de 208 páxinas e unha pedra de alma USB de 4 Gb (que incluirá as versións completas de Diablo II e Diablo II: Lord of Destruction) coa súa correspondente base con forma de caveira de Diablo, así como contidos exclusivos para Diablo III, World of Warcrafte StarCraft II: Wings of Liberty por un prezo de 89,99 euros.
Os usuarios de World of Warcraft tamén poderán conseguir Diablo III de balde acolléndose a unha promoción ao subscribirse durante 1 ano ao servizo.

Diablo III conservará a liña das súas anteriores entregas

PUBLICIDADE