Diablo IV é o xogo de Blizzard que máis rápido vendeu

martes, 6 de xuño do 2023 Marcus Fernández

O grande xogo de Blizzard Entertainment para este ano, Diablo IV, xa é unha realidade, e a compañía xa anuncia que estamos ante o título que máis rápido se vendeu na historia, rexistrando o meirande pre-lanzamento en unidades vendidas para PC e consola. Para ilustrar este éxito aseguran que o acceso anticipado do xogo, que botou a andar o pasado día 1 acumulou en 4 días 93 millóns de horas de xogo, o que serían uns 10.000 anos.
Diablo IV tamén presume de xogo cruzado entre PC, Xbox Series X|S, Xbox One, PS4 e PS5, contando tamén con cooperativo para 4 xogadores e incluso modo cooperativo local para 2 xogadores en consola, polo que pon moitas facilidades para que os seareiros desta saga poidan botar unhas partidas cos amigos e gocen así dunha franquía que conseguiu non decepcionar con ningunha das súas entregas principais.
O xogo non só conta con numeroso contido para garantir moitas horas de entretemento, senón que tamén recibirá regularmente tempadas e expansións, polo que as aventuras neste mundo fantástico poden manter a súa chama prendida durante varios anos.

Tráiler de lanzamento de Diablo IV

PUBLICIDADE