Digi completa a primeira entrega da venda dunha parte da súa rede de fibra óptica
venres, 6 de setembro do 2024
A operadora de telecomunicacións Digi completou a primeira entrega (un total 4.412.500 fogares) no marco do acordo de venda de parte da súa rede de fibra óptica ata o fogar (FTTH) en España ao consorcio formado por Macquarie Capital, Abrdn e Arjun Infrastructure Partners. O acordo, que se pechou o pasado mes de abril, contempla a venda de 6 millóns de accesos de rede de fibra óptica da rede de Digi, situados en 12 provincias en España: Madrid, Segovia, Ávila, Murcia e as que compoñen Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana.
A operadora explica que esta primeira entrega abrangue un total de 4.412.500 fogares, mentres que a entrega dos accesos restantes, que levará a cabo de xeito progresivo durante uns tres anos, cubrirá un número adicional de 1.587.500 fogares, ata alcanzar o total de 6 millóns de accesos de fibra óptica obxecto do acordo.
Digi explicou que continuará utilizando esta rede de fibra óptica para seguir ofrecendo “os seus servizos coa mellor calidade” e, ademais, “seguirá directamente encargado da xestión desta rede, sendo a operadora responsábel do seu mantemento e evolución de forma global, durante os próximos 25 anos”, engadiu, apuntando que “este acordo reforzará a nosa capacidade de investimento a longo prazo en España, o noso compromiso co investimento en infraestruturas dixitais de calidade e coa xeración de emprego tecnolóxico”.
O persoal existente da empresa dedicada a esta rede continuará formando parte da operadora a longo prazo, adicada á despregadura e mantemento de infraestruturas desta rede e de Digi en xeral.