Disney abandona o DVD e o Blu-ray en Australia

venres, 4 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O feito de que o catálogo de películas e series de televisión nas plataformas de streaming, así como a ausencia de moitos títulos nas tendas dixitais, fixo que moitos coleccionistas reivindicasen os soportes físicos como o único xeito de manter e preservar as súas producións audiovisuais favoritas, pero o seu afán conservador vai camiño de facer moito máis complicado, pois parece probable que o mercado do DVD e o Blu-ray pase a ser residual.
A grande nova que leva a pensar que os DVD e os Blu-ray están destinados a desaparecer do mercado é o anuncio de que a terceira entrega de Guardianes de la Galaxia en Australia e Nova Zelandia será a derradeira película que Disney publicará en formato físico no continente. De feito, Disney xa non vende DVD e Blu-ray en América Latina e varios mercados asiáticos, e semella que tal tendencia non tardará en chegar a Europa e EE.UU.
Os motivos que levan a tal cambio non é ningunha estratexia para potenciar os servizos de streaming como Disney+, senón o propio mercado. Por exemplo, a película de Piratas do Caribe editada en DVD nos EE.UU. en 2006 vendeu 14,5 millóns de unidades, mentres que o DVD que máis vendeu nos EE.UU. no que vai de ano, Black Adam, limitou as súas vendas a 74.353 unidades, deixando claro que estamos ante un segmento de mercado en desintegración, que de cara ao futuro podería limitarse a edicións especiais para coleccionistas, dun xeito semellante ao que acontece coa música en discos de vinilo.

PUBLICIDADE