Doce vídeos sobre o xenoma centran o primeiro especial do portal Proxector en 2025
martes, 14 de xaneiro do 2025
Baixo o epígrafe Investigación xenómica: descifrando a medicina do futuro, o portal galego Proxector, posto en marcha polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do CCG co apoio da USC, inaugurou a súa actividade divulgativa de 2025.
Fíxoo con doce vídeos divulgativos para descubrir máis sobre o ADN e o xenoma ao fío da posta en marcha do Proxecto Xenoma Galicia, iniciativa pioneira en España que busca avanzar no coñecemento das doenzas mediante a recollida de datos clínicos, datos xenéticos e mostras biolóxicas (que serán a clave para o avance da medicina personalizada e para establecer estratexias de saúde en Galicia).
A recente posta en marcha do Proxecto Xenoma Galicia serve de inspiración ao especial deste mes de Proxector, que xunta doce vídeos sobre o Proxecto, o ADN, o xenoma (o conxunto completo de xenes do noso organismo) e a revolución médica e tecnolóxica que supuxo o fito de lograr descifrar ao completo o noso “libro biolóxico de instrucións para a vida”.
Entre os vídeos seleccionados nesta entrega hai un da serie Dicionario da Ciencia, no que Déborah Vukusic nos fala dos xenes, dos elementos que determinan a aparición dos caracteres hereditarios nos seres vivos. Hai tamén tres vídeos que nos falan do cribado masivo de mostras de ADN para identificar determinados xenes implicados nos cancros de mama e ovario hereditarios, na hipercolesterolemia familiar e na síndrome de Lynch. Tres audiovisuais producidos polo Proxecto Xenoma Galicia que axudan a entender como este traballo permitirá implementar medidas preventivas, facer diagnósticos máis precisos e deseñar tratamentos personalizados. E sobre esta revolución científica que afecta a todas as especialidades médicas fala o galego Ángel Carracedo, director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e un dos xenetistas de referencia a nivel internacional, explica en que consiste a “medicina personalizada e de precisión”.
Neste número tamén se pode consultar un vídeo divulgativo, gañador do Premio Proxéctate en Galego da VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia, que nos introduce no mundo da xenómica, a través da presentación dun proxecto de investigación que consistiu na extracción e secuenciado de ADN procedente de células bucais, e no seu posterior estudo para tratar de identificar posibles mutacións.
Un apoio audiovisual ao ensino en galego
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un sitio web centrado en ofrecer de “maneira atractiva e en lingua galega” diversos materiais audiovisuais para o seu uso nas aulas de bacharelato e dos cursos universitarios.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e comezou no ano 2015 dentro do portal educativo Didactalia. No 2018 o CCG, a través do CDSG, entrou na iniciativa para participar na comunicación e na edición dos contidos. Ademais, en virtude das competencias que lle son propias no coidado e difusión do idioma galego, o CCG pretende asumir a custodia destes materiais, ofrecidos a toda a sociedade nunha web dedicada a esa finalidade.