Dodro organiza este xoves unha charla para axudar á poboación a gozar dun uso seguro de Internet e as redes sociais

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

Ao abeiro da súa liña de traballo a prol de mellorar a calidade de vida da veciñanza (a través de diversos programas e servizos de atención), Servizos Sociais e Benestar do Concello Dodro, organiza este xoves 27 de xaneiro unha charla directamente encamiñada a axudar á cidadanía a facer o mellor uso posíbel das novas ferramentas de comunicación e información. A actividade Internet e redes sociais: alertas, riscos e perigos celébrase este xoves ás 19.00 horas.
Foi presentada polo concelleiro Xoán Bautista Mariño Abuín (BNG), que encadra a charla nos obxectivos de “ofrecer a toda a poboación información, divulgación e posíbeis respostas que teñen que ver coa saúde, seguridade e en definitiva co benestar en xeral que a xente necesita e demanda.”
Actividades precedentes
A primeira intervención desta tempada das organizadas pola día área municipal foi a presentación de Andaina Pro Saúde Mental, entidade afincada en Dodro e Ordes e formada por profesionais con longa experiencia no ámbito da saúde mental na comarca de Santiago, que desenvolve programas de información, asesoramento, formación pre laboral e outras actividades de éxito.
Na segunda actividade, a Andaina deu a coñecer o Programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar entre outras actividades que desenvolve.
A cita deste xoves abéirase aos obxectivos do Concello de traballar na seguridade cidadá para persoas máis vulnerábeis, de feito cómpre lembrar que o departamento de Servizos Sociais e Benestar de Dodro foi dos primeiros en alertar no verán ante os posíbeis fraudes que se dan en domicilios, por teléfono ou a través de Internet. Nesta liña de formar e informar á poboación, o xoves 27 de xaneiro ás 19:00 horas celébrase a charla Internet e RR SS: alertas, riscos e perigos. Contarase con persoal da Garda Civil formado neste tipo de temas. A charla está dirixida a persoas de calquera franxa de idade.
Tamén están previstas máis actividades de semellante índole, achegadas por persoal especializado, en prevención de accidentes en vías públicas entre outras. Todas estas charlas desenvólvense no local municipal do Centro de Día.

PUBLICIDADE