Donkey Kong Country incorpórase a Nintendo Switch Online

mércores, 8 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Para xustificar mellor a subscrición de pagamento polo servizo Nintendo Switch Online inclúen unha selección de títulos clásicos de NES e Super Nintendo que vai ampliándose paulatinamente, e que conta con xoias como Donkey Kong, Ghosts’n Goblins, The Legend of Zelda, Super Mario Bros., Super Metroid, Star Fox ou Joe 6 Mac 2: Lost in the Tropics, aos que o vindeiro día 15 van sumarse tres novos títulos: The Immortal de NES, Natsume Championship Wrestling e Donkey Kong Country de Super Nintendo.
Donkey Kong Country é claramente o xogo máis salientable dos que pasan a formar parte do catálogo de Super Nintendo para subscritores de Nintendo Switch Online, xa que este xogo de 1994 non só sorprendeu no seu día cos seus gráficos tridimensionais prerrenderizados, a súa animación de calidade e a súa música ambiental, senón que tivo un impacto tal que deu pé a unha triloxía para Super Nintendo que máis adiante retomaríase contando incluso con xogos para Wii e Wii U (de feito, o Donkey Kong Country: Tropical Freeze de Wii U tamén ten versión para Nintendo Switch).

PUBLICIDADE