Dragon Quest X será un xogo en liña para as consolas domésticas de Nintendo

martes, 6 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Primera imaxe publicada por Square Enix do futuro Dragon Quest X

Na antesala do Tokyo Game Show que terá lugar a semana que vén no Xapón, Square Enix realizou unha rolda de prensa na que anunciou oficialmente o xogo Dragon Quest X: Mezameshi Itsutsu no Shuzoku, xogo que destacará por saír tanto para Wii como para a futura Wii U, e que deixará de ser un JRPG (xogo de rol xaponés) para converterse nun xogo de rol en liña no que os xogadores poderán participar en misións dentro dun mundo persistente.
Dende Square Enix aseguran que a versión de Wii U contará con melloras gráficas con respecto da versión de Wii, pero ambas plataformas compartirán mundo en liña, e incluso adiantan que contará con conectividade coa Nintendo 3DS (sen detallar en qué consistirá).
Como vén a ser habitual nesta franquía, Akira Toriyama (creador de Dragon Ball) encárgase do deseño de personaxes, participando tamén no xogo Jin Fujisawa (director), Yuji Hori (deseñador) e Koichi Sugiyama (compositor).
O lanzamento nipón de Dragon Quest X agárdase para 2012, sen coñecerse polo momento os plans de internacionalización do título.

PUBLICIDADE