Dragon’s Lair chega ao iPhone

mércores, 9 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Don Bluth levou aos salóns recreativos de todo o mundo en 1983 unha serie de xogos de debuxos animados baseados en reprodutores de LaserDisc, semellantes aos xogos que actualmente inclúen coma contidos adicionais moitas películas infantís, e que marcaron unha época, sendo a primeira destas obras Dragon’s Lair, título que agora incorpórase á App Store para que os usuarios de iPhone e iPod Touch poidan adquirilo por 3,99 euros.
O xogo permítenos controlar ao intrépido Dirk ao rescate da princesa Daphne da guarida do dragón Singe, mentres derrota a monstros e malvados que aparecen no seu camiño, así coma resolvendo sinxelos labirintos, sempre a unha velocidade que manteña o ritmo do xogo para convertelo nunha película viva.
A mecánica do xogo conserva a dificultade do arcade, de xeito que os movementos para chegar ao final da aventura veñen definidos por unha dura experiencia de ensaio e erro, polo que non é apto para un público que non sinta certa nostalxia por esta saga que xa pasou por múltiples plataformas coma o PC ou mesmo o DVD.

JPEG - 37.6 KB
Mediante rápidos movementos o intrépido Dirk deberá superar a inimigos coma o Rei Lagarto

PUBLICIDADE