Duke Nukem 3D resucita nunha versión para iPhone

martes, 11 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Nas últimas semanas non paran de desembarcar vellos videoxogos na App Store para o iPhone e o iPod Touch, sendo a novidade máis rechamante o Duke Nukem 3D, un clásico xogo de acción en primeira persoa que marcou época, e que conserva o nivel gráfico que presentaba no PC, adaptando o sistema de control á pantalla do iPhone, cun resultado que non remata de convencer. Este xogo está á venda por 2,39 euros.
Pero este non é o único clásico en incorporarse aos terminais de Apple estes días, senón que a aventura gráfica Simon the Sorcerer segue os pasos de Monkey Island e pode adquirirse por 3,99 euros. Este xogo de 1993 transportaba a un mozo chamado Simon a un mundo de fantasía no que tiña que salvar ao mago Calypso, nunha historia na que non falta o humor, e que aínda que polo momento só está dispoñible en inglés, en breve incorporará o español ás súas linguas.

Simon the Sorcerer é moi fiel á súa versión para PC


Demostración do funcionamento de Simon the Sorcerer no iPhone

PUBLICIDADE