Duke Nukem Forever contará cunha edición para coleccionistas

venres, 11 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

O xogo Duke Nukem Forever leva en desenvolvemento dende 1997, e agora que promete chegar ás tendas en breve, vai facelo por todo o grande, e a xente que queira facerse cunha copia o mes de marzo poderá optar por unha impresionante edición de coleccionista chamada Duke Nukem Balls of Steel Edition que chegará para Xbox 360, PlayStation 3 e PC a un prezo de 99 dólares nos EE.UU. (segundo a páxina web da cadea de tendas GameStop) e que incluirá numerosos extras que entusiasmarán aos seareiros deste personaxe que leva 14 anos afastado de ordenadores e consolas de videoxogos.
A edición para coleccionistas de Duke Nukem Forever inclúe un busto do protagonista do xogo, un certificado de autenticidade, un libro de 100 páxinas e tapa dura no que faise un repaso á historia e ao deseño deste xogo que podemos considerar coma mítico polo seu accidentado desenvolvemento, varias postais, un adhesivo co símbolo de alerta por radioactividade, un cómic, un modelo de papel, unha pequena baralla de cartas, dúas fichas de póker e 2 dados co emblema da radioactividade. Un auténtico luxo para os amantes desta saga que teñan os cartos e o espazo para colocar o contido desta caixa que celebra como o produto que máis veces foi considerado o Vaporware do Ano convértese nunha realidade.

PUBLICIDADE