Durante unha semana poderemos probar avances de máis de 70 xogos para Xbox One

martes, 21 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Dende hoxe e até o vindeiro día 27 celébrase o Summer Game Fest Demo Event, un festival que consiste en ofrecer aos usuarios da consolas Xbox One a oportunidade de descargar de balde máis de 70 versións de demostración de xogos sen publicar, que non se trata das típicas demos que están dispoñibles para probar un título preto do seu lanzamento, senón nun dos típicos adiantos xogables que poden atoparse nas feiras de videoxogos presencias que, como este verán non están a celebrarse, buscaron acubillo nun evento en liña.
As demos deste festival están dispoñibles a través do propio menú da Xbox One, e a meirande parte das demos desaparecerán pasada unha semana, buscando simplemente abrir boca de cara a futuros lanzamentos en fases moi distintas do seu desenvolvemento, permitindo así que moitos usuarios descubran pequenas xoias ás que poder botarlle o ollo para seguilas até que pasen a converterse nun produto comercial.
Cómpre lembrar que estamos a falar dunha iniciativa ao amparo de ID@Xbox, ou sexa, que as compañías que participan no festival son selos independentes, que normalmente teñen dificultade para que o público coñeza os seus títulos, polo que este evento é unha oportunidade para captar a atención de xogadores curiosos que saiban ver que non é preciso que un título sexa unha superprodución para ser considerado un bo xogo que garanta horas de diversión ou incluso percorra a senda da innovación e do risco á hora de abordar un traballo, algo que habitualmente está fóra do alcance de producións mastodónticas.

PUBLICIDADE